Galiciencia 2019

Investigación científica en Educación Secundaria, Bacharelato e FP

Se queredes presentar o voso proxecto na Galiciencia 2019 só tendes que facer un equipo do que formen parte dous/dúas alumnos/as e un/unha profesor/a e contar a vosa idea a través do formulario de inscrición de proxectos.

Se resulta seleccionada, disporedes dun stand na Galiciencia 2019, onde poderedes dar a coñecer o voso proxecto e entrar en contacto con outras mentes inquietas.
Só tendes enviar a vosa idea ata o 11 de marzo de 2019.
Máis información: sabela@tecnopole.gal   Teléfono 988 368 100.

PARTICIPANTES
Poderán participar como expositores de proxectos para secundaria, bacharelato e FP calquera centro educativo.


INSCRICIÓN
A inscrición debe facerse efectiva a través do formulario de inscrición.
Os participantes recibirán confirmación da selección do seu proxecto durante a primeira semana de abril.


PRESENTACIÓN DOS TRABALLOS
Participarase expondo os proxectos ou experimentos durante os tres días previstos para a celebración da Galiciencia 2019 (8 e 9 de maio en horario de 10h a 13h e de 15h a 18h e 10 de maio en horario de 10h a 13h). Limitándose a participación máxima en 50 proxectos en total. E catro proxectos, como máximo, por centro educativo.

Os/as alumnos/as aos que se lles seleccionara o seu proxecto deberán enviar, unha vez formalizada a selección, unha presentación resumo coa información relevante completa do dito proxecto. A organización concretará as características da dita presentación.

EXPOSICIÓN, ESPAZOS E ACTIVIDADES 
– A cada proxecto asignaráselle un stand modular de 2 x 1 m con tarima e moqueta, iluminación, cadro individual e unha regreta, cunha mesa e dúas cadeiras dentro da carpa habilitada para tal fin, que contará con conexión a internet a través de wifi.– Os/as alumnos/as e titor/a serán os responsables da colocación do seu material no stand nas horas previstas pola organización.– As viaxes, aloxamentos, actividades e comidas serán propostos por Tecnópole, sendo imprescindible confirmación por parte do colexio participante.– Tecnópole facilitará un autobús para trasladar os participantes desde cada unha das catro provincias galegas ao lugar de aloxamento establecido pola organización o día previo ao inicio da Galiciencia, así como para realizar a viaxe de volta ata os mesmos lugares de orixe o último día da Galiciencia. O horario, datas e lugar de paradas serán unicamente os que a organización decida.
– Tecnópole encargarase do traslado en autobús durante os tres días da Galiciencia, entre o aloxamento establecido, o Parque Tecnolóxico de Galicia, ou outros desprazamentos necesarios para a realización de actividades organizadas por Tecnópole.
– Tecnópole non correrá con ningún gasto de desprazamento distinto dos expresados nos puntos anteriores, nin se encargará da súa organización.
– A distribución das habitacións será realizada por Tecnópole co fin de fomentar as relacións entre alumnos-alumnos e profesores-profesores, intercambio de coñecemento, de experiencias, etc. e tratando de seguir os criterios legais de non ter na mesma habitación alumnos/as con profesores/as, nin alumnos con alumnas para evitar incomodidades.
– Tecnópole encargarase de realizar unha planificación de actividades fóra do horario de Galiciencia, opcionais, pero non será responsable, en ningún caso, nin de actos nin de posibles accidentes dos alumnos/as…, que nelas participen, dos cales será responsable o/a titor/a dos alumnos/as. 


DECISIÓN DO XURADO
A decisión do xurado farase pública durante a entrega de premios da Galiciencia 2019, 10 de maio de 2019 ás 13:30 horas. 


CATEGORÍAS DE PREMIOS:
- premio ao proxecto coa mellor comunicación e presentación oral.
- premio para o proxecto máis innovador.
- premio para o proxecto co método científico e proceso de investigación mellor definido.
- premio para o mellor proxecto englobado dentro da temática de saúde e bos hábitos.
- premio para o ganador absoluto da Galiciencia 2019 que contará con 1000€ para financiar a súa participación noutra feira científica de carácter nacional, concretamente na Exporecerca 2020. Para o ganador do segundo posto, Tecnópole financiará con 500€ a súa participación na Zientzia Azoka, unha feira anual de ciencia que terá lugar na primavera do 2020 en Bilbao. Para o proxecto que quede en terceiro lugar na clasificación global de Galiciencia, financiarase con 200€ a súa participación na Coruña nun programa de actividades durante a Semana da Ciencia no mes de novembro 2019 promovido polos Museos Científicos Coruñeses.


Elixirase como ganador absoluto da Galiciencia o proxecto que obteña maior puntuación na suma dos seguintes criterios de valoración:
-innovación e creatividade (25 %)
-rigor metodolóxico (20%)
-autoría dos alumnos/as (25%)
-defensa oral (20%)
-presentación no stand (10%).
 

As porcentaxes que se indican entre parénteses significan o peso que supón a puntuación dese aspecto concreto sobre o total.
 

A suma das valoracións obtidas dará como resultado o ganador absoluto da Galiciencia.
Todos os participantes como expositores de proxectos na Galiciencia 2019 recibirán un diploma de participación e un obsequio.

Máis información en: https://www.galiciencia.com/

 

Comentarios