Conecta con Galicia, para á mocidade da Galicia exterior

24 Feb 2020
A Secretaría Xeral da Emigración convoca o programa Conecta con Galicia, que ten por finalidade facilitar á mocidade da Galicia exterior o contacto coa realidade galega e o encontro cos seus familiares.
O programa Conecta con Galicia desenvolverase na modalidade de aire libre:
Son 174 prazas, para mozos e mozas residentes fóra de Galicia, con idades comprendidas entre os 15 e os 20 anos, en dúas quendas de 14 días de duración cada unha, durante o mes de xullo, en residencias e albergues xuvenís situados en Galicia dependentes da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social, xunto con mozos e mozas residentes en Galicia, para a realización das seguintes actividades:
a) Cultura e camiño. As persoas participantes aloxaranse, preferentemente, nas residencias xuvenís LUG II en Lugo e Florentino López Cuevillas en Ourense, participarán en actividades para coñecer o patrimonio histórico cultural das respectivas zonas e percorrerán o Camiño de Santiago en diferentes etapas ata chegar a Compostela.
b) O mar de Galicia. Aloxaranse en zona de costa, preferentemente, no albergue xuvenil Gandarío en Bergondo (A Coruña), onde realizarán actividades de náutica, de recreo e de coñecemento do medio mariño.
c) Visitas a empresas punteiras de Galicia.
Requisitos das persoas participantes:
- Ter a súa residencia habitual fóra de Galicia.
- Ter nacido en Galicia ou ser descendente de persoa emigrante galega.
- Ter a nacionalidade española.
- Atoparse vinculadas con calquera concello galego no censo electoral de residentes ausentes, para aquelas persoas solicitantes que teñan 18 ou máis anos na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes. Este requisito non será exixible ás persoas participantes procedentes do resto de España.
- As persoas participantes nas actividades deberán ter, o 30 de xuño de 2020, unha idade comprendida entre os 15 e os 20 anos.
- Non ter participado en edicións anteriores deste programa.
- Para as prazas financiadas ao 100 % da axuda da viaxe, as persoas solicitantes non poderán ter ingresos superiores a dúas veces o salario mínimo interprofesional ou equivalente de referencia no país de residencia para o ano desta convocatoria. Para as persoas solicitantes residentes en Cuba, os ingresos non poderán ser superiores á prestación económica por ancianidade establecida polo Estado español para o ano desta convocatoria.
- Para as prazas financiadas ao 50 % da axuda da viaxe, as persoas solicitantes non poderán ter ingresos superiores a catro veces o salario mínimo interprofesional ou equivalente de referencia no país de residencia para o ano desta convocatoria.
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 24 de marzo de 2020
As solicitudes poden tramitarse en https://sede.xunta.es co procedemento PR930A
Máis información no DOG do 24 de febreiro de 2020 e en http://emigracion.xunta.es
Conecta con Galicia, para á mocidade da Galicia exterior

Comentarios