17 de abril, Día Europeo da Información Xuvenil

Como cada ano, o 17 de abril conmemórase o Día Europeo da Información Xuvenil. A Axencia Europea da Información e o Asesoramento Xuvenil (ERYICA) declarou esta data no 1983 para subliñar os servizos de atención á xente nova en materia de información, apoio e formación. A Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, elaborou unha infografía que recolle todos os puntos que integran a rede galega de información xuvenil: 12 Espazos Xoves, máis de 230 OMIX (oficinas municipais de información xuvenil), os Servizos provinciais de Xuventude (A Coruña, Lugo, Vigo e Ourense) e as oficinas locais de Pontevedra e Ferrol, o Centro coordinador de Iinformación xuvenil (Santiago de Compostela)l e unha rede de máis de 500 mozos e mozas correspondentes xuvenís (en 52 centros de ensino secundario) e 160 correspondentes universitarios/as (nos 7 campus universitarios). Nestes tempos cobra aínda máis importancia a modalidade de información dixital. Aquí cómpre citar a nosa páxina web http://xuventude.xunta.es, a nosa canle de whatsapp e os nosos perfís nas principais redes sociais, incluíndo tanto o perfil de @xuventudegalicia como os perfís dos Espazos Xoves. O obxectivo desta rede é achegar a toda a mocidade información sobre temas do seu interese como ocio xuvenil, emprego, formación, emancipación, voluntariado, axudas económicas ou certames creativos. Estes contidos han de proporcionarse de xeito que sirvan para que a xuventude coñeza as súas oportunidades e mellore a súa autonomía, buscando así a súa participación como membros activos da sociedade.

Comentarios