Crea un punto de recollida de móbiles para o seu reciclado

A explotación do coltán, un mineral que fai posible a tecnoloxía dos móbiles, ordenadores e consolas está no centro dos conflitos bélicos que producen milleiros de vítimas e refuxiados na República Democrática do Congo. A explotación mineira ilegal utiliza man de obra semiescravizada, destruíndo ademais os hábitats de moitas especies, coma o chimpancé e o gorila, en grave perigo debido á caza furtiva e a deforestación. En España soamente acaba sendo reciclado, e recuperado o coltán, o 5% de terminais móbiles.

MOBILízate é unha campaña para a recuperación e reciclaxe de móbiles coa que se pretende contribuír a reducir a demanda dos seus compoñentes e os problemas ambientais que ocasionan, reutilizar elementos útiles, tratar adecuadamente os materiais tóxicos e recadar fondos para os programas de educación e conservación que o Instituto Jane Goodall ten en marcha no Congo.

Así mesmo MOBILízate é unha iniciativa que trata de difundir e apoiar o Centro de Recuperación de Chimpancés de Tchimpounga, dirixido pola veterinaria galega Rebeca Atencia, no que cada día son coidados e alimentados máis de 140 chimpancés orfos, rescatados da caza furtiva e a deforestación.

O CEIDA está a colaborar co Instituto Jane Goodall no ámbito de Galicia, lanzando esta campaña xunto a concellos, centros educativos, entidades, asociacións ou colectivos que tras sumarse á iniciativa establecen puntos de recollida de móbiles nas súas dependencias ou instalacións e divulgan a campaña entre o seu público ou destinatarios. A participación non conleva ningún custo e o envío dos móbiles é gratuíto.

A participación que se solicita a todas as entidades ou colectivos que desexen adherirse á campaña é a seguinte:
- Divulgar a campaña entre o seu público ou destinatarios principais a través dos medios e recursos propios da entidade ou colectivo (web, redes sociais, listas de distribución…).
- Determinar puntos de recollida instalando unha ou varias furnas ou recipientes para que os interesados/as poidan depositar os móbiles.
- Proceder a enviar os móbiles recollidos á empresa recicladora de xeito periódico.

ENLACE:http://www.ceida.org/gl/mobilizate-pola-selva-campana-de-reciclaxe-de-mobiles

Comentarios