A convocatoria para DiscoverEU 2025 xa ten data

 

DiscoverEU é unha iniciativa da Unión Europea que permite aos mozos e mozas de 18 anos viaxar gratuitamente por Europa utilizando, principalmente, o tren mediante un pase Interrail. Esta experiencia está deseñada para fomentar a aprendizaxe, a cultura e a mobilidade xuvenil.

Este ano, a Comisión Europea aprobou a entrega de 35.000 bonos de viaxe, e a nova convocatoria estará aberta entre o 2 e o 16 de abril de 2025. Poderán participar as persoas que:

  • Naceren entre o 1 de xullo de 2006 e o 30 de xuño de 2007.

  • Sexan residentes legais nun Estado membro da UE ou nun destes países asociados ao Erasmus+: Islandia, Liechtenstein, Macedonia do Norte, Noruega, Serbia ou Turquía.

A inscrición faise a través do Portal Europeo da Xuventude, onde será preciso cubrir un formulario e superar un test de 5 preguntas de opción múltiple máis unha pregunta de desempate. A selección realizarase en función da exactitude das respostas.

A viaxe poderá realizarse durante un período máximo de 30 días, entre o 1 de xullo de 2025 e o 30 de setembro de 2026.

Os mozos e mozas seleccionados recibirán un bono de viaxe nominativo e intransferible e un Carné Xove Europeo, que lles dará acceso a múltiples descontos en transporte público, cultura, aloxamento, comida, actividades deportivas e outros servizos en 36 países de Europa.

Hai dúas modalidades de viaxe dispoñibles:

  • Bono flexible: permite viaxar en tren durante 7 días dentro dun período dun mes, sen límite de trens por día.

  • Bono fixo: permite visitar 2 países (ademais do de residencia), con itinerario e datas predeterminadas, que non se poden modificar.

As persoas con discapacidade ou problemas de saúde poderán recibir asistencia específica para garantir a súa participación.

Ademais, as agencias nacionais organizarán actividades formativas dentro do ciclo DiscoverEU, para enriquecer aínda máis a experiencia das persoas participantes.

Comentarios